Ir ao contido

Betanzos e a comarca

BetanzosHoxe

Castellano
Inscricións hoxe 8 Últimos días para inscribirse no concurso de tortilla caseira: ata o 15 de outubro

Entrevistas

Ángel Arcay, director do Museo das Mariñas: «Temos documentado practicamente todo o que pasou en Betanzos nos últimos séculos»

Naceu en Betanzos en 1988 e desde o verán de 2022 dirixe a Biblioteca, o Arquivo e o Museo das Mariñas. Nesta entrevista para BetanzosHoxe fala do que necesita o museo, do que calquera veciño pode atopar no Arquivo, das mulleres artistas da colección, do Pasatempo e da xente que, sen ter por que, decidiu sumar.

Redacción · · 12 min

Compartir esta noticia

Retrato de Ángel, director do Museo das Mariñas, do Arquivo Municipal, da Biblioteca e do Anuario Brigantino, entre os compactos do arquivo, que garda unhas 15.000 caixas de documentación.
Arquivo · Foto: Álvaro García Torres · Museo das Mariñas

Ángel Arcay Barral naceu en Betanzos en 1988. Estudou Historia en Santiago, especializouse en arquivos en Porto e traballou en arquivos de Ourense, Lugo, Pontevedra e Santiago, ademais de como técnico de turismo e guía en Vimianzo. Desde o verán de 2022 dirixe a Biblioteca, o Arquivo e o Museo das Mariñas, que durante case corenta anos dirixira Alfredo Erias.

Ademais de levar as tres institucións e de editar cada ano o Anuario Brigantino, é autor dun libro sobre o Pasatempo premiado pola súa lectura masónica do parque, de «Las 1001 recetas del Palacete de las Mendoza» e, con Iria Fafián, do cómic «Mulleres artistas no Museo das Mariñas».

Estas son as súas respostas.

Naceu en Betanzos en 1988. De onde vén o interese pola historia e polos papeis vellos? Lembra a primeira vez que entrou no Museo das Mariñas ou no Arquivo?

Supoño que é unha mestura de moitas cousas: dos meus propios gustos, de ter bos profesores nesas materias ou que en casa tamén se falase diso. O arquivo non sempre son papeis vellos, tamén é administración (incluso dixital), burocracia e xestión diaria das necesidades da veciñanza. Non lembro a primeira vez que entrei no Arquivo e no Museo pero xa foi tarde, supoño que cando estaba estudando a carreira, que solicitei facer unhas prácticas aquí. Pola contra, si que fun usuario asiduo da Biblioteca dende moi novo porque viña facer os deberes aquí a diario

Estudou Historia en Santiago e especializouse en arquivos en Porto. Que levou daqueles anos, e de Portugal en particular?

Non teño moi mitificada esa etapa nin os anos universitarios. Máis alá de aprendizaxes, supoño que o máis importante foi a xente ca que fun compartindo cousas, tanto a nivel académico como a nivel persoal. Marchar a Porto fixo que me achegara ao patrimonio dende outro punto de vista, grazas sobre todo a profesores máis sensibles co seu traballo.

Antes de volver traballou como técnico de turismo en Vimianzo e como guía. Que aprendeu contando o patrimonio a xente que chega sen saber nada?

Aínda que sempre me dediquei ao tema dos Arquivos (traballando en Ourense, Lugo, Pontevedra, Santiago…) si que para compaxinar o estudo das oposicións e sacar algo de cartos tiraba do recurso de ser guía oficial. A experiencia de Vimianzo foi a mellor que puiden ter para rodarme como guía e para achegarlle a gran cantidade de patrimonio que teñen nese municipio a todo tipo de públicos. Foron centos de visitas guiadas a todo tipo de bens que me fixeron gañar experiencia á hora de facer de intermediario entre o patrimonio e as persoas de todas as idades.

Desde o verán de 2022 dirixe a Biblioteca, o Arquivo e o Museo das Mariñas, que durante case corenta anos dirixira Alfredo Erias. Como foi recoller ese testemuño?

Moi sinxelo porque había moito traballo feito detrás e Alfredo sempre se ofreceu a axudarme en todo o que quixera. Aínda así, eu intentei dende o primeiro momento tratar de transformar as tres institucións para optimizar a gran cantidade de recursos que temos aquí, tratando de traballar como sempre fixen para poder dinamizar esta parte importante da historia da cidade.

Leva tres institucións á vez. Como é un día normal? Por que ten sentido tratalas xuntas, como a BAM?

Non ten sentido pero é algo que ven de atrás. Sempre houbo unha concepción equivocada de que a Biblioteca e o Arquivo son traballos similares, cando non teñen nada que ver. De feito calquera das tres institucións debería ter persoal independente con tarefas diferenciadas, porque non é o mesmo traballar con un arquivo dixital e expedientes administrativos que facer recomendacións lectoras na bebeteca ou tratar a doazón dunha peza ao museo. Pero entendo que para un concello é sempre complexo tratar estes asuntos e eu teño a sorte de que veño da arquivística pero sempre me gustou moito o traballo de bibliotecas e a condición de guía de turismo tamén me permite estar cómodo no traballo do museo. Supoño que o mellor de todo é que non hai un día normal, porque sempre hai frontes abertas en calquera das tres áreas, ao que hai que sumarlle a edición cada ano do Anuario Brigantino, que entre revisións, correccións e maquetación é unha tarefa máis laboriosa que a atención de calquera das outras tres institucións.

Que balance fai do Festibam deste ano? Que buscaban con el?

O FESTIBAM busca o mesmo todos os anos: permitir ter aberto o museo durante unha fin de semana; que os artistas e artesáns locais sintan a colaboración institucional e teñan un sitio no que poder amosar o seu traballo; e aproveitar eses días de festa para facer actividades para todos os públicos, especialmente para as crianzas que son sempre quen máis demandan este tipo de eventos. O balance sempre é positivo porque sempre conseguimos que se xunte xente pero eu son moi autocrítico e sempre me gustaría que se chegase a máis público, sobre todo a nivel local.

Club de lectura, visitas guiadas, exposicións como a de Elena Otero… Que público están conseguindo atraer? Custa máis que veñan os mozos ou os propios betanceiros?

Como institución municipal, o meu primeiro obxectivo é o público local e pouco a pouco imos mellorando. Vemos nas estatísticas que cada vez veñen máis veciños e veciñas ao museo, sobre todo atraidos polas exposicións de xente que coñecen como Elena ou Pin. O feito de ter unha sala de exposicións temporais e ir rotando as mostras cada pouco tempo, fan que exista esa oferta e a xente teña a posibilidade de vir cada pouco a ver cousas novas. Co público adulto non temos queixa, o máis complicado sempre é a xente nova, especialmente os adolescentes porque no seu día a día xa teñen bastantes tarefas as que atender. Máis alá diso tamén estamos a disposición dos centros de ensino, o que nos permite que todas as nenas e nenos escolarizados ata este curso en Betanzos tiveran que pasar algunha vez polo museo a facer as actividades didácticas que propoñemos. E, claro, a biblioteca, especialmente para eses primeiros lectores, tamén é un recuncho que vemos que cada vez empregan máis pais e nais, por iso seguimos facendo un esforzo en adquirir todo tipo de materiais.

Para alguén de aquí que queira investigar a súa casa, a súa rúa ou a súa familia, que pode atopar no Arquivo e como ten que facelo?

A xente sempre se sorprende cando entra no Arquivo pero eu sempre digo que somos un servizo municipal máis, como pode ser a oficina de turismo ou a oficina do rexistro. Poden mandarnos un correo electrónico ca súa petición ou vir por aquí. Temos documentado practicamente todo o que pasou en Betanzos nos últimos séculos e aquí poderán rastrexar á súa familia, os acontecementos da vila ou os cambios nas súas vivendas. De feito os trámites con urbanismo, para temas de obras, licencias e demais, e as consultas dos padróns de habitantes e do rexistro civil, son as consultas que máis se repiten ao longo do día.

Que é o que máis necesita hoxe o museo: espazo, conservación, persoal, dixitalización? Que proxectos teñen para os próximos anos?

Hai moitas eivas no tema dos espazos, aínda que persoalmente para min é máis urxente o da biblioteca que o do museo. Pero si que o museo require intervencións urxentes en temas de conservación, necesita ter persoal asociado ás tarefas técnicas diarias que require manter unha colección deste tipo e, sobre todo, require pensar se se quere seguir medrando. Agora mesmo estamos ao límite das nosas capacidades en canto a espazo expositivo. Polo tanto os obxectivos a curto e medio prazo son moi humildes: conténtome con manter vivo o interese da veciñanza por vir a coñecer o que facemos aquí, seguir sumando pezas e que as nenas e os nenos dos colexios de Betanzos sigan vendo o museo como a mellor opción para achegarse ao noso patrimonio.

Despois de todo este tempo, que aspectos do traballo nesas tres institucións destacaría?

Máis alá das actividades que se puideron facer, que son sempre o máis visible do meu traballo, o que máis me gustou foi a xente que escolleu este lugar para aportar algo ao patrimonio da cidade. Nestes catro anos pasaron por aquí case vinte estudantes que nos escolleron para facer as súas prácticas formativas e que dun xeito ou outro acabaron ligados ao noso traballo, xa sexa facendo publicacións, comisariando exposicións ou desenvolvendo tarefas de todo tipo. Tamén se sumaron moitos veciños e veciñas de xeito altruista para desenvolver todo tipo de tarefas, dende Mar e Anxela que levan varios anos colaborando con nós para sacar adiante un club de lectura e un club de teatro a xente como Elena Otero, Francisco Martínez ou Ana Tomé, que quixeron facer do museo a súa casa e realizaron aquí a exposición dos seus traballos. Toda esta xente, que non tería porque gastar o seu tempo en facer medrar o nome das tres institucións, decidiron aportar e sumar, algo que nestes tempos non é moi habitual e que eu sempre agradecerei.

Cal é a peza do museo coa historia máis sorprendente, esa pola que case todo o mundo pasa de longo?

Penso que en cada sección do museo temos unha peza que encaixa nesta pregunta. Dende o sepulcro de Sancha Rodríguez ao cadro de Olimpia Tourné, o Ecce Hommo recén restaurado ou as curiosidades de Martínez Santiso. Para que a xente non pase de largo estamos rematando de facer unha guía ilustrada das pezas máis simbólicas do museo, así terán unha guía de referencia para coñecer as historias máis rechamantes do museo.

Algún achado nos fondos do Arquivo ou da Biblioteca que o deixase coa boca aberta?

Todos os días aparece algo no Arquivo que non coñecíamos e que nos deixa así. Esta semana foi o pleito no que un matrimonio acusa a outro de chamarlle á súa muller “Pelitrana de los alpendres” pero sempre aparecen pequenas curiosidades que nos fan querer seguir invertindo o noso tempo nestas tarefas para despois poder difundilo.

No cómic «Mulleres artistas no Museo das Mariñas», con Iria Fafián, recupera a creadoras como Elvira Santiso, María Goday ou Sofía Feliú. Quen eran, por que estaban esquecidas e por que contalo en cómic?

Todas eran mulleres que pasaron por Betanzos e que estiveron relacionadas, de xeito profesional ou afeccionado, co mundo da pintura. Non estaban olvidadas, simplemente nos museos non sempre se tivo en conta a labor de moitas mulleres e existiu un sesgo de xénero á hora de decidir colgar un cadro. Por casualidades que se foron dando (as doazóns de pezas de Teófila Sasiain, Rosina Martínez ou Olimpia Tourné) pensamos que era o momento de dar a coñecer todo isto. Escollimos a versión cómic para facela accesible tamén a públicos máis novos, sendo moi concretos no que queríamos contar e amosando como é o día a día no traballo dun museo destas dimensións. A maiores do cómic difundimos a proposta noutros medios, con artigos de investigación ou entradas en webs e redes sociais.

Ángel, director do Museo das Mariñas, coa pintura de Olimpia Tourné que mostra a igrexa de Santo Domingo na Praza do Campo.
Ángel Arcay, director do Museo das Mariñas, coa pintura de Olimpia Tourné que mostra a igrexa de Santo Domingo na Praza do Campo. Foto: Álvaro García Torres

O seu libro sobre o Pasatempo gañou un premio pola súa lectura masónica do parque. Que é o que un betanceiro non sabe do Pasatempo e debería saber?

Estou convencido de que a maior parte dos veciños descoñecen todo o que hai detrás do parque do Pasatempo. Por desgraza estivo sempre moi instaurado un relato oficial que non se correspondía en nada ca realidade do xardín, polo que moitos veciños que puideron visitalo con nós, cando a Asociación de Amigas do Parque do Pasatempo aínda podía realizar visitas no interior, saían da visita cunha sensación moi curiosa por todo o que acababan de descubrir e que case nunca se parecía á idea que tiñan do lugar.

Tamén publicou «Las 1001 recetas del Palacete de las Mendoza». Como acaba un arquiveiro cun receitario entre as mans, e que atopou nel?

Son cousas que van aparecendo entre a documentación dos arquivos e por unha cousa ou outra chaman a miña atención. Nese caso o propio fondo das Mendoza ten un atractivo innegable pero o mesmo me pasou co tema das mulleres espontaneadas ou con outros papeis que, sen chegar a convertirse en libro, si que me fixeron pasar moito tempo traballando con eles.

Se alguén de Betanzos nunca pisou o museo, que tres cousas non pode perder?

Eu creo que as tres cousas que non se poden perder en sí son o propio museo, a biblioteca e o arquivo, porque en calquera dos tres sitios van atopar cousas novas que os van sorprender. Por iso recomendo que se apunten a algunha das visitas guiadas que facemos a miudo, porque sempre pasa iso de que cando vamos de viaxe visitamos todo tipo de museos pero logo non coñecemos o que temos ao lado da casa. E perder un par de horas en achegarse por aquí seguro que lle pode aportar a cada veciño moitas cousas que os axudarán a valorar máis todo o patrimonio que temos en Betanzos.

Hai algo que non lle preguntásemos e que lle gustaría contar?

Gustaríame contar unha cousa que os de aquí non sempre valoramos: agora mesmo en Betanzos estase creando un tecido cultural moi interesante, do que son moi culpables na Fundación CIEC, e grazas a ese traballo invisible cada vez máis xente está escollendo a nosa cidade para vivir e facer vida, abrindo talleres, espazos e creando asociacións que buscan poñer en valor todo iso que non sempre valoramos. Espazo Vaina, Rio Rio, Sarasal cerámica, Carmen Seijas, Isa Durá, as Pesquedellas ou Zona Hadal son unha boa mostra de todo iso. Por iso gustaríame reivindicar o seu traballo e pedirlle aos veciños e veciñas que se acheguen a coñecer as súas iniciativas e que traten de apoialos para que non se perda este outro tesouro que temos na cidade.

Entrevista a Ángel Arcay Barral, director da Biblioteca, Arquivo e Museo das Mariñas, para BetanzosHoxe.

Compartir esta noticia

Comentarios

Aínda non hai comentarios. O primeiro pode ser o teu.

Deixa o teu comentario

Non se publica. Só serve para confirmar que o comentario é teu.

Antes de publicarse: confirmas o correo cunha ligazón que che mandamos, e despois lerao unha persoa da redacción.