Ir ao contido

Betanzos e a comarca

BetanzosHoxe

Castellano
Inscricións hoxe 9 Date présa: hoxe remata a inscrición para o concurso de tortilla caseira

Entrevistas

Andrea Aguafría e os irmáns Pablo Naire e Miguel, do estudo Río Río: «Puidémolo facer todo precisamente porque eramos tres»

Chegaron de Madrid a finais de 2023 para abrir en Betanzos un estudo de cerámica, gravado, serigrafía e mosaico. A piques de cumprir tres anos, nesta entrevista para BetanzosHoxe contan como descubriron a cidade grazas ao CIEC, como arrincaron cos cartos do paro e que cursos teñen este mes.

Redacción · · 8 min

Compartir esta noticia

Andrea Aguafría e os irmáns Pablo Naire e Miguel, sentados a unha mesa de madeira no estudo Río Río, en Betanzos. Ao fondo, un burro con camisetas de cores, un cartel amarelo e mosaicos pequenos na parede.
Foto: Álvaro García Torres

Andrea Aguafría e os irmáns Pablo Naire e Miguel abriron en novembro de 2023 o estudo Río Río, no número 37 da Rúa Marina de Betanzos. Andrea é de Madrid e os dous irmáns, de Alcalá de Henares. No mesmo local traballan tres disciplinas: Andrea dedícase á cerámica, Pablo ao gravado e á serigrafía, e Miguel ao mosaico. Ademais da súa obra, o estudo organiza cursos todos os meses.

Unha bolsa no CIEC

Foi Pablo quen descubriu Betanzos. En xaneiro de 2021, despois de estudar gravado en Madrid, chegou cunha bolsa para facer dous meses de xilografía na Fundación CIEC, en plena pospandemia. «Había un montón de restricións e non había nin os bares abertos, pero aínda así foi moi interesante atopar o pobo e a vida que tiña, os arredores, as paisaxes», lembra. Ese verán volveu con Miguel e Andrea para ensinarlles a cidade.

Os dous anos seguintes seguiron en Madrid. Andrea traballaba en cerámica e os dous irmáns, no aeroporto. En 2023, cando lles ían renovar o contrato e Andrea estaba «un pouco queimada» no seu traballo, tomaron a decisión: «Foi como, veña, pois imos intentalo agora ou igual non o intentamos nunca», conta Pablo.

Aproveitaron os voos baratos do aeroporto para vir un mes antes a buscar sitio. «Aínda foi moi doado atopar local e atopar casa», explica. O local estaba baleiro e houbo que montalo enteiro. Por primeira vez tiñan un lugar propio para facer a súa obra, que ata entón fixeran nos seus cuartos ou nunha casa da familia.

Tres oficios nun mesmo espazo

Os tres coñecéronse estudando gravado en Madrid. Pablo nunca quixo facer Belas Artes: «Prefería aprender técnica, pero que non me influíse demasiado á hora de dicir o que tiña que facer». O gravado, di, foi «unha fiestra» que lle abriu outras técnicas, da pintura ao debuxo ou a fotografía. Desde que chegou a Betanzos tamén fai azulexos, que lle ensinou a facer Andrea e que teñen moito que ver co gravado: «Tes unha especie de prancha na que podes estampar o barro e facer edicións». Unha mesma imaxe, explica, pode variar moito segundo os esmaltes e os barros.

Catro azulexos esmaltados sobre unha mesa de madeira: dous con rombos verdes, azuis e negros baixo un balcón azul, e un cadrado branco co logotipo azul de Río Río, dúas figuras enfrontadas.
Azulexos de Pablo Naire na súa mesa de traballo, xunto ao do logotipo do estudo. Foto: Álvaro García Torres

Andrea chegou á cerámica polo gravado. Fixo un ano de Belas Artes en Tenerife, volveu a Madrid para estudar gravado e, para o seu proxecto final, entrou por sorteo na escola municipal de cerámica da Moncloa. Aprendeu tamén no obradoiro de Concha, a súa mestra, e acabou dando clases nun estudo de Madrid. «Antes de vir, a miña vida era todo cerámica», resume. Algunhas das súas pezas máis grandes, nos andeis do estudo, son da serie «Artefactos de defensa»: vasillas que combinan o barro con vimbio, cuarzos, ósos e esparto, como se protexesen a súa boca do que poida entrar.

Andel cunha fila de pezas de cerámica escuras e brancas con vimbio, esparto e ramas secas enriba, sobre outro andel con libros, plantas e un reloxo.
Pezas da serie «Artefactos de defensa», de Andrea Aguafría, nos andeis do estudo. Foto: Álvaro García Torres

Miguel céntrase no mosaico, que fai con Pablo desde 2016. Nos primeiros cursos do estudo, Andrea facía o prato de cerámica e eles o mosaico. «A unión é a forza. Se non estivésemos os tres xuntos, non sería posible», di Miguel. Traballar no mesmo espazo fai que as ideas pasen duns a outros. Moitas cousas, explica, «flúen así, de estar xuntos».

«Se o fas por cartos, estás bastante tolo»

Arrincaron sen colchón. «Viñemos con moi poucos cartos, cos cartos que tiñamos do paro, os meses que nos durou o paro. E puidémolo facer todo precisamente porque eramos tres e tiñamos todas as cousas divididas», contan. Compartir gastos e investimentos entre tres é, din, o que lles permitiu aguantar «os golpes».

Andrea resúmeo así: «Chega un momento na vida no que é o momento de apostar por ti». E defende que traballar pola súa conta non é o camiño doado: «Eu si que sinto que é máis complicado que ter un traballo fixo, unha rutina, uns horarios e alguén que che estea mandando o que tes que facer, porque todo iso pasa a ser responsabilidade túa. Pero tamén che dá cousas que non che dá o demais».

Os altibaixos forman parte do oficio. Hai meses nos que os obradoiros se enchen e semanas nas que se apuntan cinco persoas. Por iso, ademais dos cartos, Andrea insiste en que fai falta «sosterse emocionalmente». Nos cursos pregúntanlles a miúdo se viven disto, unha pregunta que, din, «non a fas noutros lados». E matizan: «Non vivimos da nosa obra. Estamos no proceso».

Tampouco animan a ninguén a deixar o seu traballo á lixeira. «Se alguén quere meterse neste mundo meramente por cartos, eu aforraríalle os desgustos», advirten. «Se ti sentes que queres facer iso e ves que hai unha forma de facelo, que polo menos o intentes. Pero que cada un tome o seu camiño».

Ao abeiro do CIEC

O CIEC, o Centro Internacional da Estampa Contemporánea, segue a ser o seu principal apoio. «Non só se daban as circunstancias de que os alugueiros fosen máis asequibles, senón que había unha rede artística e de xente con ganas de que isto saíse adiante», explican. Non son os únicos. Ángel Arcay, director do Museo das Mariñas, citábaos nesta mesma sección entre os talleres e espazos que están a escoller Betanzos para vivir e traballar.

Polo CIEC pasa xente de todo o mundo. Agora mesmo hai artistas de Taiwán e o ano pasado houboos de Marrocos, México, Arxentina ou Francia. «Non sei se todo o pobo é consciente da cantidade de xente que vén de tantos sitios», sinalan. Ao seu redor foise quedando xente que chegou polo centro: antigos alumnos do máster, profesores e artistas de fóra que agora teñen aquí o seu taller.

O CIEC tamén está detrás dunha das súas ferramentas clave, o tórculo, a prensa de gravado. Un profesor do centro, amigo deles e do País Vasco, ofreceulles un que estaba nun edificio público dunha escola de arte pechada desde 2019. «Só tedes que traelo», díxolles. Trouxérono coa furgoneta do CIEC. «Deunos a opción de volver facer gravado no noso estudo, que era algo que non contemplabamos poder conseguir». Grazas a el naceron os cursos de gravado do estudo.

Pablo Naire, cun micrófono na man, ao lado dun tórculo verde co cilindro metálico e a pletina cuberta de papel. Na parede, o cartel dunha exposición súa en Casa Paco.
Pablo Naire co tórculo que lles cedeu un profesor do CIEC. Foto: Álvaro García Torres

Un forno de gas desde Alacant

O forno de cerámica comprouno Andrea por un anuncio en Alacant. Foron buscalo ela e Pablo en furgoneta, ida e volta no mesmo día. Quería un de gas porque «permíteche xogar moito máis coa atmosfera do forno»: un eléctrico coce case só en oxidación, e o de gas permite quitarlle osíxeno e conseguir «efectos bastante interesantes» cos barros e os esmaltes. O local xa tiña a instalación de gas e a campá extractora, e esa foi unha das razóns polas que se quedaron con el.

Poñelo a punto non foi sinxelo. «Hai moi pouca xente que che axude, porque pouca xente ten un forno de gas», explica. Ademais de Concha, tivo que recorrer a Manuel Keller, que construíu o forno e que a axudou «un montón».

Andrea Aguafría, cun micrófono na man, diante dun forno de cerámica de gas, cilíndrico e negro, coa tapa aberta e unha cheminea que sobe cara á campá.
Andrea Aguafría xunto ao forno de gas que foi buscar a Alacant. Foto: Álvaro García Torres

Un mosaico para os arqueólogos

No patio, onde había unha parede de ladrillo e cemento «bastante fea», fixeron este ano entre os tres un mosaico con eles mesmos, dous gatos, o forno e o tórculo. Está cheo de chiscadelas a estes anos, do pirómetro do forno ás probas de esmaltes de Andrea. «Algún día temos que marchar ou o que sexa, para deixalo aí na memoria. Queda aí para os arqueólogos», bromean.

Mosaico na parede do patio do estudo, sobre a herba: unha muller xunto a un forno azul, un home que move a roda dun tórculo cun gato negro enriba, outro gato sentado debaixo e un home con barba que fai mosaico.
O mosaico que os tres fixeron este ano no patio do estudo. Foto: Álvaro García Torres

O mosaico tamén os está a levar fóra do estudo. Teñen no taller as pezas dun mural de cinco metros e medio de alto cos escudos do antigo Reino de Galicia para o parque que hai detrás de Correos, onde a Garda Civil, no que agora hai un pintado. O mosaico, explican, aguanta mellor o tempo que a pintura. Está pendente de colocar: «As cousas de palacio van amodo».

Paixón, amor e resiliencia

Ao final da conversa, cada un escolleu unha palabra para definir Río Río. Miguel quedou con «paixón», Pablo con «amor» e Andrea con «resiliencia». E botaron man da ría para explicar o momento do estudo: «Así está pasando con Río Río, que está aí medrando: o caudal, o afluente, a nosa obra individual e os proxectos que imos poder levar a cabo».

Os cursos de outubro

O estudo publica cada mes nas súas redes sociais os cursos que organiza. Estes son os de outubro, todos no propio estudo (Rúa Marina, 37), de 10:00 a 14:00 e a 40 euros cada un:

DíaCursoHorarioImparte
Domingo 18 de outubroMosaico10:00 a 14:00Miguel
Sábado 24 de outubroGravado en linóleo10:00 a 14:00Pablo Naire
Domingo 25 de outubroSerigrafía téxtil10:00 a 14:00Pablo Naire

Ademais, nas clases de cerámica de Andrea quedan prazas os luns de 17:00 a 19:00.

Entrevista a Andrea Aguafría, Pablo Naire e Miguel, do estudo Río Río, para BetanzosHoxe.

Compartir esta noticia

Comentarios

Aínda non hai comentarios. O primeiro pode ser o teu.

Deixa o teu comentario

Non se publica. Só serve para confirmar que o comentario é teu.

Antes de publicarse: confirmas o correo cunha ligazón que che mandamos (mira tamén no spam), e despois lerao unha persoa da redacción.